Categorías
Cousas

O alquilador

O alquilador - Cousas de CastelaoO alquilador non ten máis bens que un faco, unha albarda e unha corte, e ninguén adeviña como pode mante-lo faco. Cando reparo na besta do alquilador, na probe besta de todos, lémbrome dunha gaivota desplumada. Aquel animaliño, a pique de dexenerar en burro, trenquelea porla beira dos camiños, a rente das silveiras, e quen faga unha viaxe, cabaleiro en tal besta ferrada, seguirá dispois a pé o resto da súa vida. 

Na probe besta do alquilador asubía o vento.

Cando algún cabalo forasteiro cai de pousada na corte do alquilador, o que nada pode dar porque nada ten pergunta con moito aquel de pousadeiro abastecido:

—¿Que queres que che bote, cabalo? ¿Bótoche trevo, alcacén, senadela… ou que?

O alquilador non é mesmamente un ladrón, pero petisca no alleo.

Unha noite de luar velaí vai o alquilador armado de fouce e de cesta en dereitura do cimeterio. En chegando diante do valado, guindou coa cesta dentro e púxose a gabear pola parede arriba. Nisto ouviu que a cesta caía no camiño… O alquilador sinteu desexos de botar a correr; pero contívose polo amor do faco que agardaba na corte. Armouse de carraxe e collendo a cesta guindouna de novo dentro do cimeterio… Non pasada nadiña de tempo cando ollou que a cesta volvía polo aire e caía outra volta no camiño.

Cesta adentro e cesta afora, así a lúa percorreu dúas brazadas de ceo.

O alquilador nun intre de arriscamento trabou a fouce cos dentes e gabeou polas pedras arriba disposto a encararse co morto que lle tiraba coa cesta. Cando se puxo a cabalo do valado, os seus ollos toparon coa cara risoña do seu comprade “Furrica”, que tamén apañaba herba no cimeterio porque tamén era alquilador.

E os dous compadres ceibaron unha gargallada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.