Categorías
Cousas

Aínda está no areal

Aínda está no areal - Cousas de CastelaoAínda está no areal a osamenta do barco, como unha espiña de peixe xigante cuspida polo mar.

Cando non había tanto progreso, os nenos enredaban con barquiños de cortiza afacéndose a seren mariñeiros, e cando chegaban a vellos, enredaban cun barco verdadeiro para non decatarse da súa inutilidade.

Os doce vellos máis vellos da vila tiñan sempre un barco e un aparello para enredar. Alcumábanse “apóstolos” porque nos Oficios de Semana Santa laváballes os pés o señor abade.

Nos días mornos de sol largaban o aparello. Eu non digo que collesen peixe para vender; mais algunhas veces pescaban para unha caldeirada i entón enchíanse de fachenda.

As xentes aventurábanse a pronostica-lo bo tempo con iste dito: “Mañán pode ir ó mar o aparello dos apóstolos”. E non había nada que magoase máis ós probes vellos no seu corazón.

Daba xenio velos camiñar en ringleira levando o aparello ó lombo.

Cando se lles lembraba a súa probeza con calquera ben, agradecíano con dinidade:

— Tanto ben como nos fas, que che fagan a ti cando chegues a vello.

Todos tiñamos reparo en pousar un codelo de boroa nas súas mans, como se fái á xente terrestre que prega nas portas. A esmola é boa para os que están afeitos a recibila; un mariñeiro que chega a probe por chegar a vello morrería de vergonza cando sentise, no lombo, o peso das folicas limosneiras. O progreso trouxo riquezas e trouxo fames. Os “apóstolos” foron morrendo e os vellos de hoxe en día andan a pedir polas portas dos ricos que teñen barcos e non van ó mar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.